Diego As: «Grazas ás obras de arte o graffiti empeza a estar mellor valorado»

Diego As portada

O muralista lucense, que recibiu o premio ao mellor mural urbano do mundo polo seu Julio César, comeza a recoller os froitos de tantos anos de traballo

O camiño de Diego As (nome artístico de Diego Anido) non foi sinxelo, pero a súa paixón polo mundo do muraleo e do graffiti e, sobre todo o traballo duro, terminou dando os seus froitos en forma de recoñecemento e éxito profesional. Este lucense iniciouse na disciplina durante a súa adolescencia dunha forma clandestina e autodidacta, motivado polo seu gusto por pintar e as influenzas do hip-hop.

Tempo despois de deixar os estudos tras a ESO, decidiu formarse no ámbito da pintura na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, desenvolvendo o seu talento e a súa paixón polo realismo, que pode verse claramente nas súas obras. Pouco a pouco comezou a facerse un oco no mundillo ata traballar, tanto para particulares como para institucións, como muralista profesional. Agora, comenta que «o muraleo xa está moito máis asentado», aínda que recoñece que nos seus inicios era difícil traballar neste mundillo.

Fai pouco levou a cabo un proxecto en Lugo que acadou moito recoñecemento, xa non só a nivel local, senón incluso internacional. O seu Julio César á beira da Muralla convertiuse nun símbolo máis da cidade, conseguindo unha repercusión que, según comenta, «nunca imaxinei». Tras este mural, o interese dos medios de comunicación nacionais incrementouse, pero o nome de Diego As xa era respectado entre os seus semellantes.

O seu traballo viuse recompensado con campañas con marcas importantes, ademais de con premios, como ser un dos ‘Lucenses do ano’, o título compartido de Campión de España no concurso ‘Graffiti Battles Spain 2021’ que convoca a Liga Nacional de Graffiti, ou o premio ao ‘Mellor mural urbano do 2021’, outorgado por Street Art Cities.

Podes ver aquí a entrevista: