Zoom na Bagatela, o teu espazo para os contidos culturais

Antes de comezar a mergullarte nos nosos contidos cómpre que nos presentemos como se ten que facer. Qué é Zoom na Bagatela?

Zoom na Bagatela é un medio de comunicación audiovisual cun obxectivo claro: converterse no recuncho de contidos artísticos e culturais de referencia para a xeración Z, apostando e reivindicando ós artistas e proxectos da terra feitos en galego e divulgando e valorando todas as disciplinas por igual, algo que non sempre se fai nos medios de comunicación convencionais.

Somos un proxecto multimedia e transmedia que ten por idea crear un espazo de difusión, crítica e análise para este tipo de temáticas. Apostando polos formatos e as plataformas máis actuais e próximas á mocidade, así como polas redes sociais, trataremos de achegar os contidos máis novos e aos seus protagonistas á xeración máis dixital da historia.

En Zoom na Bagatela temos lugar para todo tipo de disciplinas, xa que para nós é moi importante non descoidar ningunha delas por seren as vías de recoñecemento e divulgación da nosa cultura, a de Galicia. Deste xeito, cantantes, músicos, modistas, escultores, grafiteiros e todos aqueles expoñentes artísticos galegos poden atopar o seu lugar de referencia aquí, onde queremos contar as súas historias e dar a coñecer os seus traballos.

O camiño arranca agora, pero a orixe deste proxecto data do 2021, cando David Ferreiro e Raúl Novoa, dous amigos e compañeiros do grao de Xornalismo, decidiron presentarse á Bolsa ‘Nacho Mirás VI’ do Colexio de Xornalistas de Galicia, conseguindo un primeiro posto compartido. Grazas a isto e ao apoio do Colexio de Xornalistas, deu comezo este proxecto coa pretensión de recuperar, innovar, actualizar e adaptar a cultura galega desde a creatividade, a modernidade e o respecto.

Aquí arranca Zoom na Bagatela, o espazo galego para os contidos culturais que interesan aos ‘Z’.